Saturday 18 de May de 2024

O Concello abre mañá, venres 21 de abril, o prazo para solicitar as axudas económicas destinadas ao sector do taxi


A través da convocatoria, prevese dar apoio á adquisición de vehículos con modelos enerxéticos alternativos, tamén á mellora da adaptabilidade e seguridade dos taxis

O Concello da Coruña abrirá mañá, venres 21 de abril, o prazo para a solicitude das axudas municipais destinadas ás e aos profesionais do sector do taxi, unha convocatoria que conta cun orzamento de 70.000 euros.

Esta liña de axudas aprobouse a semana pasada, en Xunta de Goberno Local, e a previsión é que sexan de utilidade para financiar a adquisición de sistemas GPS, biombos de seguridade, mellorar a adaptabilidade dos taxis a persoas con problemas de mobilidade e tamén apoiar o uso de vehículos con modelos enerxéticos alternativos.

Ao abeiro destas axudas, e ata o límite marcado na convocatoria, achegaranse ata 3.500 euros para a adquisición de vehículos impulsados por enerxía eléctrica, 3.500 por vehículos destinados a Eurotaxi para persoas con diversidade funcional, 2.500 euros no caso de adquirir vehículos híbridos, 1.000 no referente a vehículos a gas natural e outros combustibles alternativos e 150 euros en axudas para instalar GPS e biombos.

As persoas beneficiarias recibirán as súas axudas nun pagamento único, condicionado ao informe de revisión anual do taxi no referente á instalación do obxecto da subvención, así como á acreditación de estar ao corrente das obrigas tributarias.

O prazo para presentar as solicitudes, contando a partir deste venres 21, será dun mes. A información completa sobre a convocatoria, así como as súas bases, xa poden consultarse no extracto publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP).